CAMPAÑA DE VOLUNTARIADO “SÚMATE“
Os obxectivos que perseguimos son presentar a todas aquelas persoas interesadas nos nosos proxectos humanitarios as diferentes opcións de voluntariado nas que poden participar. Ser voluntario ou voluntaria en Sogaps, significa algo máis que participar nun proxecto humanitario. É a posibilidade de formar parte dunha organización que desempeña un labor humanitario indispensable nos campamentos de refuxiados saharauís, onde case 200.000 persoas levan vivindo máis de 40 anos en condicións infrahumanas nun dos desertos máis inhóspitos da terra.
O noso labor desenvólvese mediante distintos proxectos dos cales cabe destacar:
- Proxectos de cooperación ao desenvolvemento
- Proxectos de axuda humanitaria e de emerxencia
- Proxecto escolar “Vicente Fernández”
- Proxecto sanitario e de formación na Wilaya de Bojador
- Proxecto deportivo
- Programa “Vacacións en Paz”
Dentro destes proxectos inclúese o envío de alimentos, medicamentos, e outros materiais (material escolar, material sanitario, material deportivo, material informático, etc).
Todos os proxectos que levan a cabo así como as diversas actividades reivindicativas e de sensibilización execútanse en estreita colaboración coa delegación saharauí para Galicia que á súa vez supervisa o seguimento e avaliacións a través do Ministerio de Cooperación e da Media Lúa Vermella Saharauí.
Tamén realizamos actividades de sensibilización de poboación tales como a organización e/ou participación en charlas e coloquios, montaxe de exposicións fotográficas, realización de concertos solidarios, e outros actos culturais.
Achegarase formación aos voluntarios, que se acreditará mediante un certificado que reflicta a aprendizaxe e o labor desempeñado nesta organización.
Comentarios recentes