Concentración pola liberdade dos presos políticos do Gdeim Izik

CONCENTRACIÓN O LUNS 26 ÁS 11:00H. NO MARCO, RÚA PRINCIPE, EN VIGO.

MANIFESTO:

CONDENAMOS O XUÍZO QUE O REINO DE MARROCOS FARÁ O VINDEIRO DÍA 26 CONTRA ACTIVISTAS SAHARAUIS, E ESIXIMOS A ELIMINACIÓN DAS SÚAS CONDENAS E A SÚA INMEDIATA LIBERACIÓN

COMUNICADO CONXUNTO

Van cumpridos xa seis anos desde que o 8 de novembro de 2010 as forzas de ocupación do Reino de Marrocos desmantelaron o Campamento de Gdeim Izik, ás aforas do Aaiun, capital do Sáhara Occidental, atacando brutalmente á poboación civil saharaui, invadindo o campamento, queimando as súas jaimas, lanzando gases lacrimóxenos e auga fervendo desde os helicópteros sobre a poboación, e establecendo unha loita corpo a corpo con ela, nunha acción represiva inxustificábel que ten causado centos de feridos/as e algunhas mortes, entre elas, a do neno de 14 anos Elgarhi Nayem.

Lonxe de render contas diante da Comunidade Internacional por estes feitos, o Reino de Marrocos respondeu coa detención arbitraria de 25 saharauis, acusándoos de organizar dito campamento e participar nesa acción pacífica, coa que máis de 30000 saharauis quixeron mostrar a súa protesta contra as violacións dos Dereitos Humanos por parte de Marrocos, as desigualdades ás que están sometidos/as, o despedimento masivo de traballadores/as saharauis, os xuízos arbitrarios e sen garantías, e o saqueo dos seus recursos naturais (fosfatos, pesca,…). Converten con isto ás vítimas en culpables.

Dous anos despois dos feitos, o 17 de febreiro de 2012, foron xulgados sen ningún tipo de garantías e condenados por un Tribunal Militar a durísimas penas de prisión: nove a cadea perpetua, catro a 30 anos, sete a 25 anos, tres a 20 e dous a 2 anos. Logo das presións e mobilizacións esixindo a anulación do xuízo e a liberdade dos presos políticos, o xuízo militar foi anulado polo tribunal de casación, pero continúan no cárcere e volverán a ser xulgados, esta vez por un Tribunal Civil de apelación en Rabat, o vindeiro 26 de decembro, unha data escollida para dificultar a asistencia de observadores/as internacionais.

As organización que subscribimos este Comunicado queremos expresar a nosa solidariedade cos presos políticos saharauis e rexeitamos este novo xuízo. Consideramos que o Reino de Marrocos non ten lexitimidade nin competencia para actuar contra eles, xa que non ten xurisdición algunha sobre o Territorio do Sáhara Occidental (tal e como dictan as resolucións internacionais e da propia ONU), condenamos as accións violentas que se levaron a cabo contra o campamento e os posteriores procesos de condena e encarceramento, e rexeitamos un novo xuízo que encausa a persoas inocentes, incriminadas por unha protesta pacífica, na defensa dos seus dereitos.

Este novo xuízo é un episodio máis nun proceso de ocupación que dura xa máis de 41 anos, saltándose todas as resolución internacionais e sentenzas ao respecto, e retrasando a celebración dese referendo polo dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental, erguendo muros no seu territorio, sementando minas e condenando ao exilio a centos de miles de saharauis refuxiados nos campamentos de Tindouf, mentres outros/as son perseguidos/as e represaliados/as no seu propio territorio. Só o cese da ocupación, o respecto polos dereitos humanos, a posta en liberdade de presos políticos e o exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharaui poden aportar unha solución ao conflito.

Por todo isto, CONDENAMOS O XUÍZO QUE O REINO DE MARROCOS FARÁ O VINDEIRO DÍA 26 CONTRA ACTIVISTAS SAHARAUIS, E ESIXIMOS A ELIMINACIÓN DAS SÚAS CONDENAS E A SÚA INMEDIATA LIBERACIÓN, ao tempo que insistimos en reclamar o cese da ocupación polo Reino de marrocos e que se cumpran as resolucións internacionais, fixando xa unha data para a celebración do Referendo de Autodeterminación ao que a pobo saharaui ten dereito.

E facemos un chamamento para sumarse á concentración que terá lugar o mesmo día 26 de decembro, ás 11 horas, no Marco da Rúa Príncipe de Vigo.

Adheríronse, de momento, a este comunicado:

– SOGAPS
– ASOCIACION DE INMIGRANTES SAHARAUIS EN GALICIA
– CIG
– CCOO – GALICIA
– UGT – GALICIA
– FRUGA
– BNG
– ESQUERDA UNIDA
– EN MAREA

ACUDIDE!!!

gdeim izi

Comparte, ayúdanos a difundir:Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on Google+
Google+
Share on LinkedIn
Linkedin
Share on Tumblr
Tumblr
Print this page
Print
Email this to someone
email

You may also like...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies