O Sahara Occidental ocupado posúe un dos depósitos de fosfatos máis grandes do mundo e tal vez a costa cos caladoiros máis ricos de África. Ademais, existen considerables reservas de petróleo e gas ao longo da costa. Os valiosos recursos naturais sempre foron unha importante razón para a ocupación marroquí do Sahara Occidental.
A ilegal ocupación de Marrocos recibiu o sólido respaldo do comercio internacional. É un gran problema – ético, político e xurídico – cando intereses comerciais cooperan coas autoridades marroquís para facer negocios nos territorios ocupados. As empresas involucradas afirman que a súa contribución está destinada a proporcionar un desenvolvemento económico positivo en Marrocos. Non obstante, isto é unha verdade distorsionada. En primeiro lugar, o Sahara Occidental non é parte de Marrocos. O “desenvolvemento” é, non obstante, unha contribución activa ao apoio da reivindicación ilegal de Marrocos sobre o seu país veciño.
Moitas compañías internacionais son hoxe actores políticos que obteñen beneficios do conflito. Mentres Marrocos financia a ocupación para usurpar os recursos do país, a maioría dos saharauís vense obrigado a vivir en campos de refuxiados no deserto alxeriano, na pobreza e en condicións miserables e non lles está permitido ningún beneficio como resultado das rendibles actividades comerciais da súa patria.
As empresas que operan no Sahara Occidental xeran emprego para os colonos ilegais marroquís na industria pesqueira, tanto a través do investimento directo coma mediante a exportación de produtos pesqueiros aos países estranxeiros.
Este tipo de actividade socava os desexos e intereses da maioría da poboación saharauí, e polo tanto, tamén viola o dereito internacional. Un gran número de resolucións da ONU e convenios internacionais definen este tipo de actividade ilegal. Pódese consultar un resumo do dictame da ONU aquí.
Dende o nacemento en 2005, Western Sahara Resource Watch(WSRW) desanimou activamente ás empresas internacionais a iniciar negocios no Sahara Occidental.
A rede WSRW coordinou de forma activa campañas internacionais contra compañías como TGS-Nopec (Noruega), Fugro (Holanda),Thor Marino (Dinamarca), Wessex Exploration (Reino Unido), e Total (Francia). Estas empresas abandonaron o Sahara Occidental.
En xuño de 2005, o Fondo Estatal de Pensións Noruegués por primeira vez vendeu todas as súas accións dunha empresa, por ética empresarial. Nese momento retiráronse 337 millóns de coroas norueguesas da multinacional estadounidense Kerr-McGee, debido ás súas actividades no Sahara Occidental. Esta decisión foi tomada a raíz dunha queixa formal por parte do Comité Noruegués de Apoio ao Sahara Occidental.
Pódese ler o ditame completo do Consello de Ética do Fondo de pensións aquí e o comunicado de prensa do Ministerio de Finanzas noruegués aquí.
Cando a retirada dos investimentos alcanzou case os 70 millóns de euros, Kerr-McGee retirouse do Sahara Occidental. Dende entón, unha ducia de empresas abandonaron o Sahara Occidental pola presión de Western Sahara Resource Watch. Unha delas é a empresa de fertilizantes norueguesa Yara, que anunciou que a empresa xa non ten a intención de importar bens dende o Sahara Occidental. Tamén un número de empresas de transporte anunciaron a súa intención de non transportar bens dende o Sahara Occidental ocupado.
Marrocos, segue buscando novos negocios ademais do peixe, o fosfato e o petróleo / gas, agora está a explorar outros minerais nos territorios ocupados, como o circonio de tipo diamante, e o uranio.
Xeoloxía do Sahara Occidental e os seus recursos naturais – Saleh Lehbib Nayem
Comentarios recentes