A Fronte Popular de Liberación de Saguia el Hamra e Rio de Oro é o movemento de liberación nacional saharauí que loita por acabar coa ocupación ilegal de Marrocos sobre Sahara Occidental e lograr que se culmine a autodeterminación do pobo saharauí e a independencia da súa patria. As súas siglas son: Fronte Polisaria.
O Fronte Polisario toma a testemuña do Movemento para a Liberación do Sahara fundado en 1967, cuxo líder Mohamed Sidi Brahim Bassiri, desapareceu ás mans das autoridades españolas do Sahara, na manifestación do 17 de xuño de 1970 no barrio de Zemla, no Aaiún. Ata agora séguese ignorando o seu paradoiro. No mesmo día varias decenas de saharauís morreron ao disparar o exército español sobre á multitude que pacificamente se manifestaba.
Varios grupos de saharauís (estudantes, traballadores e militares do Sahara español e refuxiados saharauís en Mauritania) conforman o 10 de maio de 1973 en Zuerat (Mauritania), a Fronte Polisaria , co propósito de alcanzar a independencia do territorio, baixo dominio colonial español.
O seu primeiro secretario xeral foi Brahim Gali. O día 20 do mesmo mes inician os primeiros enfrontamentos armados, combates baseados na estratexia de guerra de guerrillas, a primeira no mundo organizada nun deserto e a grande escala. O 5 de maio de 1974, El Luali Mustafa Sayed é nomeado secretario xeral do POLISARIO no segundo congreso da organización.
O 12 de maio de 1975 a misión visitadora de Nacións Unidas recoñece ao movemento como a única forza política dominante no territorio.Dito doutro xeito recoñécese á Fronte Polisaria como o único representante do pobo saharauí.
Cos Acordos tripartitos de Madrid do 14 novembro de 1975, considerados nulos pola ONU, España fai entrega do Sahara a Marrocos e ao réxime de Uld Dadah. O exército popular de liberación saharauí continúa a súa loita pero agora combate aos exércitos dos dous países invasores que se repartiran o territorio, Marrocos no norte e o réxime mauritano, de uld Dadah, no sur.
O 28 de novembro de 1975 disólvese A Asamblea Xeral do Sahara “Yamaa” 67 antigos membros desta, en Guelta, territorios liberados pola Fronte Polisaria, constitúen O Consello Nacional Saharauí Provisional. O 16 de decembro únenselles outros 17 ex membros da xa disolta Yamaa.
O 27 de febreiro de 1976, un día despois da precipitada retirada e o vergonzoso abandono de España ao Sahara Occidental- o que creo un baleiro político-, o consello nacional saharauí provisional e a Fronte Polisaria proclaman dende Bir Lehlu (Sahara Occidental) a República Árabe Saharauí Democrática (R.A.S.D.) e a El-Uali como o seu primeiro presidente.
O Luali Mustafa cae en combate o 9 de xuño de 1976. O 10 de xuño de 1976, Mahfud Ali Beiba asume o cargo de secretario xeral do Polisario, ata a celebración do III Congreso do movemento, que nomea o 30 de agosto a Mohamed Abdelaziz como novo secretario xeral. A guerra segue nas dúas frontes e recrúase moito máis. O 5 de agosto de 1979 a Fronte Polisaria e Mauritania alcanzan un acordo mediante o cal Mauritania cede a parte que ocupaba do Sahara Occidental á Fronte Polisaria , pero Marrocos se anexiona esa zona o 11 de agosto. A raíz da devandita anexión, a ONU aproba unha resolución na que recoñece a Fronte Polisaria como o lexítimo representante do pobo saharauí, mentres considera a Marrocos como unha potencia ocupante.
A partir de 1981 e ata 1987, Marrocos cambia a súa estratexia militar coa construción dunha serie de 6 muros no deserto, cunha lonxitude de máis de 2.600 km., sementados con millóns de minas, que non logra impedir a mobilidade dos combatentes saharauís pero divide o territorio en dúas partes. A Fronte Polisaria controla a parte oriental do territorio ao outro lado dos muros.
Os combates seguen ata o 6 de setembro de 1991, día no que se acorda un alto o fogo. A MINURSO (Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sahara Occidental) é o organismo encargado de velar polo alto o fogo e preparar un referendo, cuxa celebración se prevía para xaneiro de 1992 e aínda non se celebrou. As innumerables e constantes trabas que pon Marrocos á aplicación do plan de paz da ONU e a sistemática e deliberada vulneración dos dereitos humanos na parte ocupada polo réxime alauita obstaculizan a celebración do referendo. Neste contexto celebráronse reunións entre a Fronte Polisaria e Marrocos baixo os auspicios de Nacións Unidas pero non houbo avances. Marrocos quere impoñer o feito consumado e perpetuar así a súa ocupación ilegal do Sahara Occidental. A Fronte Polisaria en cambio non acepta ningunha solución que non sexa a dun referendo baixo a supervisión da ONU e a Unión Africana e que unha das opcións sexa a independencia.
A RASD foi membro da OUA, e é membro fundador da Unión Africana (sucesora da OUA). Foi recoñecida como estado soberano por 84 países, a maioría africanos e latinoamericanos. Outros moitos estados, entre eles os europeos, recoñecen a Fronte Polisaria como representante único lexítimo do pobo saharauí.
Comentarios recentes