Compromiso, esforzo, solidariedade e, sobre todo, humanidade

Detrás de cada material, de cada equipo e de cada atención sanitaria, hai moito máis que unha misión: hai compromiso, esforzo, solidariedade e, sobre todo, humanidade.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todas as institucións, entidades, empresas e persoas que fixeron posible que este material sanitario chegue aos campamentos saharauís a través da nosa Comisión Sanitaria.

Grazas á Xunta de Galicia, á Deputación de Pontevedra, ás casas comerciais que cederon os seus equipos médicos para esta misión, e a todas as empresas e particulares que contribuíron coas súas achegas. Cada colaboración, cada doazón e cada xesto de xenerosidade foron fundamentais para facer realidade este proxecto.

Grazas a todos vós, puidemos atender por centos de pacientes, aliviar doenzas, ofrecer respostas a necesidades sanitarias e, en definitiva, mellorar a vida de moitas persoas que esperan a nosa chegada con esperanza.

Pero detrás destas fotografías e de todo o material que vedes, hai moito máis do que se pode mostrar. Hai incontables horas de traballo, noites sen durmir, longas esperas, cansazo, esforzo físico, cargar e descargar material, momentos de incerteza, alegrías inmensas e tamén frustracións. Hai días nos que o esgotamento pesa, nos que as dificultades parecen multiplicarse e nos que as horas pasan sen descanso.

Con todo, todo ese esforzo queda recompensado con fartura, cando conseguimos ir máis aló dunha consulta ou dunha intervención. Cando podemos aliviar unha dor, atopar unha solución para unha doenza que levaba tempo condicionando unha vida ou acompañar a unha familia nun momento tan extraordinario como o nacemento dun novo ser. Pequenas e grandes historias que, co paso do tempo, deixan de ser parte dunha misión para converterse tamén en parte das nosas propias vidas.

Porque esta Comisión Sanitaria non só leva material médico, coñecementos e atención sanitaria. Leva compromiso, proximidade, esperanza e humanidade. E, a cambio, recibe algo que non se pode medir nin cuantificar: a satisfacción de axudar, os vínculos que se crean e a certeza de que cada pequeno esforzo merece a pena.

Nada disto sería posible sen a suma de moitas mans e moitos corazóns, como as dos nosos compañeiros e compañeiras sanitarios saharauís que son os que día a día ofrecen o seu cariño e atención a cada paciente.

Estas fotografías non mostran unicamente material sanitario, representan a solidariedade de tantas persoas que, aínda estando lonxe, contribúen a que a atención sanitaria chegue alí onde máis se necesita.

A todos os que formades parte desta cadea de solidariedade, desde quen fas posible as doazóns ata quen cargas, transportades, organizades e atendedes sobre o terreo, GRAZAS de corazón.

Porque detrás de cada misión hai un gran equipo, pero detrás de cada logro hai moitas persoas que cren que axudar merece a pena.

E nós seguiremos traballando coa mesma ilusión, o mesmo compromiso e a mesma esperanza de poder seguir estando aí, xunto ao pobo saharauí. ❤️

Viva a solidariedade entre os pobos!

© 2026 Sogaps: Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Todos los derechos reservados.

Tamén che podería gustar...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *