Reunión co Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda

A presidenta da Asociación SOGAPS, Maite Isla, acompañada polas vicepresidentas e vicepresidentes da entidade nas catro provincias galegas e a responsable da comisión sanitaria, foron recibidos polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez, nun encontro no que se abordou o labor que desenvolve a asociación e os principais proxectos vinculados ao programa Vacacións en Paz e á cooperación co pobo saharauí.

O encontro serviu tamén para facer balance do labor desenvolvido por SOGAPS en cada unha das provincias galegas, así como para compartir cos responsables da Xunta os diferentes proxectos que a asociación xa levou a cabo, aqueles que se atopan actualmente en proceso e as distintas iniciativas de mellora que se expoñen de cara ao futuro.

Os responsables das distintas provincias tiveron a ocasión de explicar o traballo levado a cabo nos seus concellos e demais institucións, así como as diferentes actividades que serven para sensibilizar a causa do pobo saharauí e poder mandar máis axuda humanitaria.

A responsable da comisión sanitaria tivo a oportunidade de falar dos labores que se realizan e explicar os distintos proxectos que se van a levar a cabo sempre a pedimento da Delegación Saharauí en Galicia e do Ministerio de Saúde.

Para SOGAPS, o encontro co presidente da Xunta e a conselleira de Política Social e Igualdade supón unha oportunidade para poñer en común o traballo realizado, agradecer o respaldo institucional recibido e presentar os novos retos e proxectos que a asociación quere impulsar, mantendo o seu compromiso co pobo saharauí e, especialmente, cos seus nenos e nenas.

Desde a Delegación Saharauí en Galicia e SOGAPS agradecemos estes encontros, que a partir de agora teremos con todos os concellos de Galicia e demais institucións. Viva a solidariedade entre os pobos.

Tamén che podería gustar...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *