Encontros de SOGAPS con familias e ministerios en Smara e Bojador

Na tarde de onte membros de SOGAPS, incluíndo á súa presidenta Maite Isla, reuníronse co Gobernador de Smara, quen expuxo a situación da Wilaya e as súas necesidades. Tras o devandito encontro levouse a cabo a reunión coas familias dos nenos que viaxarán a Galicia no programa Vacacións en Paz 2017, onde unha vez máis se transmitiu un profundo recoñecemento, valoración e agradecemento ás familias acolledoras de Galicia e ao traballo da asociación.

Máis tarde os representantes de SOGAPS nos campamentos trasladáronse a Bojador, onde celebraron o encontro coas familias locais e recibiuse o mesmo trato e agradecemento que en reunións anteriores. Aproveitando a presenza nesta Wilaya visitouse o Centro de Mocidade, onde o director – quen participou en Vacacións en Paz na súa nenez – explicou as súas necesidades actuais.

A tarde continuou cunha visita ás escolas, onde se repartiron cartas de nenos dunha escola de Silleda, actividade enmarcada dentro dun programa que desenvolve esta asociación no que se busca a comunicación entre menores Galegos e Saharauís, e así potenciar a comprensión doutras culturas e situacións no mundo.

Os últimos encontros da xornada foron co Ministro de Saúde, na Casa Sanitaria de Galicia, e co Ministro de Mocidade, na Wilaya de Ausser, quen comunicou a SOGAPS a situación actual nas súas respectivas áreas.

vacaciones_en_paz_wilaya

Tamén che podería gustar...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *