España asume a presidencia do Consello de Seguridade da ONU
España asume desde onte xoves 1 de Decembro a presidencia do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, cargo que ostentará ata o final deste ano, por segunda vez no bienio 2016-2016.
Este é un momento clave para presionar ao Goberno de España como Presidente do Consello de Seguridade para que asuma a súa responsabilidade histórica e política co conflito Saharauí, e finalice unha descolonización que non só non realizou cando se viu obrigada a ela, se non que empeorou cos ilegais Acordos Tripartitos de Madrid, que abriron o camiño á ocupación Marroquí que dura ata os nosos días.
España segue sendo a administradora de iure do Sahara Occidental, tal e como recoñece nosa propia Audiciencia Nacional ao declarar ilegais os Acordos Tripartitos asinados o 14 de Novembro de 1975, no que se cedía a administración do Sahara a Marrocos e a Mauritania. Desde hai 41 anos está na súa man a resolución dun conflito que levou a centos de miles de Saharauís ao exilio como refuxiados, e a outros tantos ao sufrimento dun apartheid continuo por parte das forzas de ocupación Marroques.
A propia Organización das Nacións Unidas considera a España a potencia administradora do Sahara Occidental na súa lista de Territorios non Autónomos, polo que a ostentación dun cargo como é a Presidencia do Consello de Seguridade nunha organización que recoñece esta situación, e que defende a autodeterminación do Sahara mantendo a Misión para o Referendo no Sahara Occidental (MINURSO) representa un momento clave para a independencia do Sahara, a última colonia en África.
Comentarios recentes