Concentración solidaria polos Presos Políticos Saharauis do Gdeim Izik
O vindeiro luns 8 de Maio, ás 11:00, celebrarase unha concentración solidaria na Praza do Toural (Santiago de Compostela), pola liberdade dos presos políticos Saharauís do grupo do Gdeim Izik.
Esta concentración coincide coa continuación do Xuízo aos Presos Políticos do Gdeim Izik o próximo 8 de Maio tras un máis dos múltiples adiamentos que sufriu este proceso.
Non é a primeira vez que este grupo é xulgado polo réxime marroquí. En 2013 enfrontáronse a un xuízo militar e ilegal, que se saldou con 25 condenados, resultado dun proceso cheo de irregularidades. falsas acusacións, e declaracións froito da tortura, ferramenta constante do majden marroquí contra a poboación Saharauí, tal e como denuncian organismos internacionais e defensores dos dereitos humanos.
Tras múltiples presións e mobilizacións esixindo a anulación do xuízo e a liberdade dos presos políticos, o xuízo militar foi anulado polo tribunal de casación, pero continúan no cárcere mentres volven ser xulgados, esta vez por un Tribunal Civil de apelación en Rabat.
Facemos un chamamento aos amigos e organizacións solidarias coa causa Saharauí, así como partidos, sindicatos, e asociacións, en Galicia a que participen nesta concentración solidaria, que axudará a visibilizar a a situación Sahara Occidental e a dos centos de presos políticos Saharauís, privados de liberdade e dos seus dereitos máis básicos por loitar de forma pacífica por ver a súa terra libre.
Comentarios recentes